Reviews

Simetria by Hermann Weyl, Florbela Marques

paulogonzalez's review

Go to review page

3.0

Publicado en 1952, estamos ante un libro que segue perfectamente vixente hoxe en día, no cal Hermann Weyl presenta a simetría coma un tema vasto e relevante na arte, a natureza e a física. Entre as súas pretensión atopamos a de ofrecer un exemplo que mostre o funcionamento do intelecto matemático e a de dar unha indicación das múltiples ramificacións da simetría, dende os conceptos máis intuitivos ata as ideas máis abstractas.

No limiar o autor cita un dobre obxectivo: por un lado mostrar a gran variedade de aplicacións da simetría na arte e a natureza, e por outro esclarecer a relevancia filosófico-matemática da idea de simetría. E aínda que afirma tamén que pretendeu escribir un libro para non especialistas, creo que é necesario afirmar que hai unhas cantas pasaxes certamente técnicas, que fan deste un libro pouco recomendable para aqueles que non dispoñan dunha certa base matemática. Trátase dun libro curto pero denso. En concreto, utiliza bastante nocións de teoría de grupos para analizar varios tipos de simetría.

Weyl demostra un amplo coñecemento doutras materias ademais da súa propia, con bastantes exemplos da bioloxía ou as artes, así como numerosas citas literarias. Todo isto dálle moito empaque á obra, conseguindo por momentos un híbrido ben interesante, que logo queda algo difuminado cando esquece a súa pretensión inicial de ser un libro para non especialistas.

Por último, e concernente á edición portuguesa de Gradiva, botei en falta unha maior resolución nas imaxes que acompañan o texto, hai un bo feixe delas e nunhas cantas resulta bastante difícil observar o comentado polo autor debido á baixa calidade desas imaxes.
More...